Monday 06 de May de 2024

A Rede de Parques Naturais de Galicia promove unha semana de actividades na que participarán máis de 1.000 escolares


A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, presentou hoxe esta programación, que se pon en marcha con motivo da celebración, o próximo 24 de maio, do Día internacional dos parques

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio promoverá, a partir do próximo luns, unha semana de actividades na Rede de parques naturais de Galicia, así como no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Estímase que máis de 1.000 alumnos de primaria e secundaria tomarán parte nesta iniciativa, aos que se sumarán o resto de visitantes que se acheguen ás propostas abertas ao público en xeral.
A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, presentou hoxe en rolda de prensa esta programación, que se pon en marcha con motivo da celebración, o próximo 24 de maio, do Día internacional dos parques.
Cada parque contará con actividades deseñadas especificamente, co obxectivo de promover entre a sociedade o coñecemento dos elevados valores naturais destes espazos.
Monte Aloia, Invernadeiro e Enciña da Lastra
Díaz precisou que o primeiro día, o luns 23, será a xornada do Monte Aloia. Alumnos de 5º e 6º do colexio de Pazos de Reis visitarán as exposicións interactivas do centro de interpretación, recibirán unha pequena charla informativa e realizarán un roteiro pola senda botánica, na que identificarán as follas dos principais árbores do contorno.
Ao día seguinte, o martes 24, será o momento do Invernadeiro. A xornada comezará cunha charla sobre a Rede de parques e os valores naturais do Invernadeiro, na que participarán alumnos de 4º, 5º e 6º do Colexio Bibei de Viana do Bolo. A continuación, percorrerán a ruta da Aceveda e, posteriormente, haberá obradoiros de elaboración de pan nun forno tradicional de leña e xogos relacionados con aspectos naturais do parque.
Logo do xantar, celebrarase o “Gran concurso do Invernadeiro” no que, divididos en grupos, os alumnos competirán resolvendo cuestións do aprendido na xornada, e rematarán a actividade elaborando un panel con debuxos de animais e plantas propios deste espazo. Ademais, ao longo da xornada, terán a oportunidade de dar a benvida a un “novo habitante” do parque: un cabalo de pura raza galega. Tamén soltarán un aguia, procedente do centro de recuperación do departamento autonómico.
Segundo explicou a directora xeral, a Enciña da Lastra centrará as súas actividades no día 25. Ao igual que nos casos anteriores, a xornada comezará cunha charla informativa destinada ao alumnado do CEIP Ramón Otero Pedraio do Barco de Valdeorras. Visitarán tamén a exposición interactiva e a proxección dun audiovisual sobre a fauna e flora do parque. Despois, realizarán unha ruta polo parque, con diversas actividades e xogos, e unha fornada tradicional. O día rematará cunha comida ao aire libre no Parque.
Serra do Xurés e Corrubedo
O día 26 será a quenda dos parques da Baixa Limia-Serra do Xurés e do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixan.
No caso do Xurés, as actividades de educación e interpretación ambiental terán lugar na aldea recuperada de Salgueiro, onde se realizará unha ruta interpretativa do pan, na que participarán preto de 450 escolares e profesores dos centros de educación da contorna do parque. Elaborarase pan, empanadas e bolos preñados no forno tradicional. A xornada completarase con xogos tradicionais e actividades de interpretación do medio, xunto cun xantar cos produtos elaborados no forno.
No parque de Corrubedo, 80 escolares do IES Coroso de Ribeira participarán nunha charla informativa; nunha visita guiada polo Centro de interpretación dos ecosistemas litorais de Galicia (CIELGA); e nunha visita ao miradoiro da Pedra da rá. A continuación, percorrerán a ruta do Camiño do río do mar, onde se fará unha actividade de visionado de aves con telescopio.
Fragas do Eume e Illas Atlánticas
O venres 27 será o día das Fragas do Eume. Máis de 100 alumnos de centros do contorno tomarán parte en charlas informativas, e nunha ruta pola beira do río, ata a ponte colgante de Cal Grande, así como tamén farán a ruta dos encomendeiros ata o mosteiro de Caaveiro. Despois de xantar, realizaranse xogos e elaboraranse debuxos cos que se formará un panel sobre este Parque.
Xa para rematar, Díaz López salientou que o Parque Nacional das Illas Atlánticas tamén contará cunha programación especial que se estenderá durante toda a semana. Mañá mesmo, día 21, comezará cun contacontos. O domingo continuará con actividades de voluntariado na illa de Sálvora; o 24 realizarase unha xornada de traballo sobre “deportes nos espazos naturais de discapacidade”; o 25 a entidade Amicos visitará a illa de Cortegada; e o 26 e 29 haberá novas xornadas de voluntariado.
Con todo, a directora xeral precisou que, ademais desta programación específica, durante toda a semana haberá outras actividades abertas ao público en xeral como ciclos de cine, paneis divulgativos, concursos ou xornadas gastronómicas sobre alimentos dos parques.